Limiar

portada disco Fake

Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, un aparello antigo de despezamento,e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación. De moitas destas historias coñeceron varias versións: a oficial, que é a que soe estar escrita nos libros, ou a popular, que é a que pertence á memoria da xente; outras eran falsas e fixéranlles crer na súa veracidade; tamén as había das que formaban parte de lendas ou tradicións... Pero axiña se decataron de que todas elas tiñan algo en común: a incerteza de non saber se eran verdadeiras ou falsas. E así foi como comezaron a interesarse polo mundo dos "fakes".

Ao longo de todo este tempo, foron recollendo este valioso material mergullándose nas bibliotecas, museos e hemerotecas... Pero tamén nas tabernas e lugares de xuntanza de todas as aldeas.

Foi precisamente nestes furanchos onde os Talabarte beberon desa tradición e descubriron a súa música. Primeiro aprenderon a tocala, mais co paso dos anos mesmo chegaron a falala con destreza a través dos seus instrumentos. Falaban mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas cun sotaque tan próximo ao son orixinal que ata había quen pensaba que estes músicos tamén eran nativos de alí -aínda que para quen os coñecemos, ben sabemos que dalgún xeito levan escrito no seu ADN ritmos tan nosos e senlleiros como a muiñeira, a xota ou o pasodobre-.

portada disco Talabarte

Nota editorial

Algúns analistas desta obra concluíron que a viaxe do Tradincerto nunca se puido ter realizado, xa que certos estudos técnicos acerca da aerodinámica deste aparello poñen en dúbida a súa capacidade para voar alén dunha ducia de metros. Por tanto, se tal viaxe non existiu, tampouco é difícil deducir que as súas músicas probablemente fosen inventadas por eles e que non teñan nada de búlgaro, nin de húngaro, nin de sueco... nin de nada...! Loxicamente, estes documentos gráficos e sonoros foron catalogados como un auténtico "fake", tendo en conta ademais que os seus autores -como puideron comprobar os analistas antes mencionados- son uns verdadeiros mestres nesta arte.


Puntos de venda