Espectáculos

Talabarte

O Trío, despois de levar a música do seu primeiro traballo por toda Galiza, resto do Estado e distintos países europeos, e de triunfar ca súa xira gastronómica xunta o chef Xián Herrera, presenta novo disco. Nel recollen ritmos e influencias bailables de distintas latitudes, tanto europeas como da propia Galiza, de onde toman continua inspiración, especialmente do repertorio de tradición oral.

Continuos soñadores, creadores de tecidos oníricos, tintes cinematográficos e a dose xusta de improvisación, volverán compor un traballo atemporal, fresco e innovador, que aposta de novo polos timbres dos seus tres instrumentos.

Ao Son da Cociña

Talabarte mestura nesta ocasión dúas artes: a música en vivo e de creación propia coa cociña de autor.

"Ao son da cociña" é unha degustación para os sentidos e para a sensibilidade. Sensacións, sabores e sons nun mesmo instante, son quen de espertar -cos aloumiños da música- unha parte tan lendaria como mística da historia da gastronomía.

O grupo formado por Pedro Pascual, Quim Farinha e Kin García convértese nesta ocasión nun cuarteto, con Xián Herrera na cociña e acompañándoos coa gaita en varias ocasións durante o espectáculo.

Emprenden deste xeito unha viaxe única que levará o público a un universo a medio camiño entre o real e o imaxinario, onde redescubrirán un dos grandes creadores renacentistas. Coas novas composicións da banda, os espectadores probarán os pratos e sentarán na mesa de Leonardo DaVinci. Inventor, escultor, pintor, arquitecto. Tamén enxeñeiro e filósofo. Por suposto, científico e botánico. E sen esquecer que, polo baixo, alí onde a profundidade da historia non sempre chega, tamén cociñeiro entre fogóns. Esa é a vertente do universo Da Vinci cara á que olla Talabarte.

Ao son da cociña Ao son da cociña