trio Talabarte

Trío Talabarte

Tras anos coincidindo e compartindo diversas experiencias musicais, estes tres grandes músicos deciden aló polo ano 2004 poñer a andar seu propio proxecto artístico, motivado pola súa recíproca admiración e amizade. Unidos ademais pola madeira dos seus instrumentos e cunha concepción musical común, funden conceptos diversos na súa viaxe musical: acústico, de raíz, improvisación, atemporalidade, aventura, surrealismo, gastronomía...

Os seus nomes están intimamente vencellados con grandes proxectos da música galega coma Berrogüetto, Marful, ou prestixiosos músicos de jazz coma Jorge Pardo, Walter White ou Steve Brown.

Tras publicar o seu primeiro traballo discográfico, colectaron grandes eloxios de crítica e público levando a súa musica por teatros, auditorios e festivais da Península Ibérica, Bretaña, Portugal, Serbia... Ademais de deseñar concertos singulares como "Ao son da Cociña" que une música, gastronomía e arquitectura. Os seus concertos teñen risco, improvisación e contundencia. Un grupo que non deixa a ninguén indiferente e mantén en movemento a alma e os pés.