Quim Farinha

Quim Farinha

A finais dos 80 e principios dos 90 participou nalgunhas das formacións folc mais relevantes do momento como Dhais, Xorima ou Fía na Roca, e foi membro de Berrogüetto até a súa disolución en 2014. Entre os anos 97 e 99 foi profesor da aula de violín no conservatorio de música tradicional na Universidade Popular de Vigo. Do ano 99 en adiante, continúa o seu labor docente vinculado ao Conservatorio Folque de Lalín, impartindo diversas aulas ata o 2006. E xa en 2008 entra a formar parte do proxecto docente ACentral Folque en Compostela.

Realizou distintas colaboracións discográficas, entre elas: Uxía (Estou vivindo no ceo, Danza das areas, Eterno navegar) Mugardos, Anubía, Emilio Cao, Pepe Vaamonde grupo, Leilía, Malvela, Marful, Emilio Rúa, Guadi Galego, Acróbata (Ugia Pedreira e Fred Martins), etc. Cómpre destacar tamén a súa participación noutros proxectos de diversos estilos como Sol de Farofa (bossa nova-jazz), Os D'Abaixo (tradicional), A Banda das Crechas  (tradicional-músicas do mundo) ou Aló Djangó (swing).

Entre 2008 e 2009 participou no proxecto Descarga ao vivo, mestura de música galega e cubana con músicos de recoñecido renome das dúas beiras do atlántico, que deu como froito a gravación de un CD ao vivo de título homónimo.

Como violinista, achéganos un xeito particular de interpretación baseado na dixitación e repertorio propios da gaita galega, aliñado con certas influencias de músicas de outras latitudes así como da música improvisada.

Por outro lado, traballa nun obradoiro de luthería de xeito autodidacta na reparación e construcción de instrumentos de corda, así como na creación de novos prototipos experimentais, atendendo ás súas propias esixencias como músico.